Unha vaca de Baralla bate récords en doazón de embrións

«Redonda» aspira a ser a mellor doante de embrións do mundo

Esta vaca de Baralla deu 54 dunha soa vez e da máxima calidade

Adita Prados, coa vaca «Redonda», en Teixeira de Arriba, en Baralla. ALBERTO LÓPEZ
Unha vaca de Teixeira de Arriba (Baralla), Redonda, aspira a ser a mellor doante de embrións do mundo. De feito, está no ránking, só falta que unha empresa de Estados Unidos, líder no sector, certifique que é a número un tanto en cantidade como en calidade de embrións, batendo así todos os récords. O feito extraordinario que levou á fama a este animal é que se lle extraeron, dunha soa vez, 65 embrións, dos cales foron viables 54, e todos eles de grao 1. Trátase dunha cifra de récord, pois este tipo de animais adoitan dar de media 7 embrións válidos.
A extraordinaria fertilidade de Redonda , da gandería de Adita Prados Vega , débese a varios motivos. Por unha banda, foi sometida a un tratamento de superovulación, aplicar despois seme de dous touros sementais, tamén lucenses, Teixo QuintoMonciro. Doutra banda, o veterinario que dirixiu todo o tratamento, Carlos Suárez (especialista en reprodución e transferencia de embrións), explica que a raza Rubia Galega é ideal para este tipo de tratamentos, porque «non está sometida a estrés como as vacas de leite, e está a pastar ao aire libre». É dicir, as vacas frisoas, por exemplo, adoitan xerar menos embrións. Suárez explica que no gando cebú, de Brasil, si que se pode chegar a esta cantidade de embrións, «pero en razas españolas nunca se alcanzaron estes números».
Ademais, os animais que se utilizan para estes programas son seleccionados previamente pola asociación Acruga dentro do plan de mellora xenética (que puxo en marcha Acruga e a Consellería do Medio Rural). E un factor fundamental, destaca Suárez, é a propia capacidade donadora que ten o animal: «Ten moita fertilidade, así que se repetirá o tratamento proximamente (...) En definitiva, atopamos unha excelente donadora; o tratamento aplicouse correctamente e o gandeiro seguiu as pautas e o protocolo marcados. Ademais, contamos coa colaboración dos veterinarios de Acruga, Miguel Ángel Casal Fernández e Elías Pérez López».
Nai do futuro semental de elite
O programa de mellora xenética de Acruga seleccionou a Redonda como «nai de futuro semental de elite», o que significa que esta vaca posúe unha carta genealógica de moi alta calidade, uns valores ICO moi bos, unha gran cualificación morfológica e uns excelentes factores reprodutivos.
Ademais da importancia cuantitativa, o veterinario destacou a calidade dos embrións. O número total de estruturas colleitadas tras o lavado uterino de Redonda foi de 65, dos cales 54 foron de grao 1, é dicir, «o mellor, perfectos, sen ningún tipo de anomalía», continúa Suárez.
Por iso, unha vez completado o proceso, estes últimos embrións foron conxelados e poderán ser implantados en femias doutras ganderías para obter crías de Rubia Galega coas que seguir mellorando a raza.
«Redonda»
20 / 06 / 2006
Filla do touro de inseminación artificial de raza Rubia Galega «Palmeiro AG.»
Adita Prados Vega , de Teixeira de Arriba (Baralla)
«Levo varios anos dedicado a isto e nunca se certificaron extraccións por encima de 40 embrións con esta excelente calidade (...) «Redonda» superou en case 9 veces a media»

Comentarios

Entradas populares

LISTAS ELECCIONS LOCAIS CONCELLO DE BARALLA 24M 2015

Una piedra que se encontró en Baralla hace 20 años es un hacha del neolítico