Unha Aposta pola terra. Casa Curro

Unha Aposta pola terra

Artigo publicado en El Progreso 20-9-2013

Hai pouco máis dun mes, tres mozos decidiron cambiar o rumbo da súa vida e facer unha forte aposta pola terra. Alugaron unha casa de aldea rehabilitada en Baralla e puxéronse mans á obra para abrir un restaurante especializado en produtos autóctonos e de elaboración propia, a Casa de Curro.
A expresión ‘poñerse mans á obra’ foi literal, pois Aitor Castro, Antón Campello e Iván Gayoso, especialistas en cociña e restauración, non tiveron reparos en vestir os buzos e facer de albaneis, pintar, desbrozar, arar, sementar na horta e mesmo destrozar as súas mans para facer unha zanxa de 40 metros con pico e pala para o cableado eléctrico. Despois, cos mesmos dedos xa curtidos, elaboraron con cartón as cartas que presentan aos seus clientes.
Todo este traballo foi feito nun mes e co único apoio de familiares e veciños de San Miguel de Neira de Rei, que acolleron con agrado a iniciativa dos rapaces e non dubidaron en prestarlles maquinaria de labranza e en arrimar o ombreiro. «Somos tres socios de 23 a 27 anos. Cando entramos no banco botáronnos cunha patada para fóra. Todo o fixemos con recursos propios, coas nosas mans», explica Aitor Castro.
Esta mesma filosofía de elaboración persoal e enraizada na terra é a que marca a oferta gastronómica da Casa de Curro. Os pratos da carta levan todos o selo do país. Carne, troitas e pan de Baralla, embutidos de Navia de Suarna ou queixo do Cebreiro son algúns dos produtos que utilizan.
Os tres mozos xa plantaron a súa horta. De momento só teñen nabos, pensando nos cocidos do inverno, e queren chegar a algún acordo cos veciños para que lles vendan patacas e outros produtos na primavera. «Todo o que poidamos ter de aquí non o compraremos fóra», comentan. «Hai unha tendencia de volta ao rural, ao de antes, e nós buscamos adaptar iso á comida», explica Antón Campello.
Pero a predominancia dos produtos da terra non impide que estes mozos oferten unha carta orixinal e aí está o segredo da súa especialización. «Valémonos dos produtos de sempre, pero dámoslles unha volta na elaboración», explica Iván Gayoso.
Pan e empanadas saídos do seu forno de leña, peixes e carnes de alta calidade reinventados e sobremesas que sorprenden ata ao comensal máis experimentado. Son pratos tradicionais aderezados con xuventude e moitas ganas de sacar adiante un negocio.
Os prezos son asequibles, «adaptados aos tempos que corren porque o que queremos é traballar, non facernos ricos nun ano», comentan os tres impulsores deste negocio cooperativo, que ademais de socios son os xefes e os únicos traballadores da empresa. «Cociñamos, servimos, limpamos, facemos de todo», resumen.
O único apoio externo que solicitaron foi o da decoradora Teresa Pérez, que lles axudou a dar ao establecemento un ar agradable no que se combina tradición e bo gusto.
Casa de Curro ofrecerá, ademais da carta habitual, un menú semanal e xornadas específicas con produtos de tempada ao longo do ano. Serve tanto comidas como ceas e só pecha os luns. Ten capacidade para 60 comensais e posibilidade de habilitar carpas para eventos de máis asistentes.
Embotellarán sidra das mazás da súa horta
O entorno da Casa de Curro ofrece moitas posibilidades tanto a nivel de ocio como de produción. Sen saír da porta da casa, os ollos vanse para unha horta de maciñeiras cargadas de froito que os seus propietarios teñen previsto destinar á elaboración de sidra.
As mazás do val do Neira son moi valoradas polas sidrerías e a maioría teñen como destino os lagares asturianos. A idea destes mozos emprendedores é utilizar as súas propias mazás para elaborar sidra que embotellarán coa marca Casa de Curro e servirán no seu establecemento. «Non hai nada mellor que saber de onde veñen as cousas e aproveitar ao máximo os recursos propios», comenta Aitor Castro.
Viño
Algo semellante farán co viño. Neste caso, non se elaborará con uvas propias, pero si seleccionadas en adegas da súa confianza.
Están en trámites con produtores da Ribeira Sacra para embotellar viño elaborado con uva mencía co selo de Casa de Curro, de xeito que «a oferta da casa non será calquera viño anónimo, senón un seleccionado por nós, neste caso en Lugo, e sempre dentro dos límites de Galicia», explica Antón Campello.
Teñen decidido que o tinto Casa de Curro será un mencía da Ribeira Sacra e están a estudar as posibilidades para seleccionar un branco, que pode ser tamén lucense ou tal vez do Ribeiro.


Comentarios

Entradas populares

LISTAS ELECCIONS LOCAIS CONCELLO DE BARALLA 24M 2015

Una piedra que se encontró en Baralla hace 20 años es un hacha del neolítico