Suspendidas todas as rutas de autobuses entre Os Ancares e Lugo debido á neve

As liñas da Fonsagrada están a funcionar con normalidade e os Alsa de Madrid chegan con pequenos atrasos

  O temporal de neve obrigou a suspender todas as rutas de autobuses entre Os Ancares e Lugo. Nas primeiras horas da xornada foron canceladas as liñas que unen poboacións como Pedrafita, As Nogais, Becerreá e Baralla con Lugo debido á neve acumulada na N-VI. Tamén as que chegan de Navia de Suarna. Desde a empresa González da Riva, con sede en Ponferrada e que cobre os citados traxectos, informan de que se cancelaron os seis servizos previstos para a mañá.

  Na estación de autobuses de Lugo sinalan que os Alsa procedentes de Madrid chegaron na cidade con algúns minutos de atraso por culpa da neve que dificulta a circulación na A-6, á altura de Pedrafita. Mentres tanto, as liñas cara a Monforte tiveron «algún problema» nas zonas de Oural, en Sarria, e Sobrado, pero finalmente accederon á urbe amurallada.
Na Fonsagrada hai numerosos núcleos de poboación illados, pero os autobuses, en cambio, si puideron circular xa que a estrada principal, a LU-530, está transitable polo traballo dos operativos de limpeza e as máquinas quitaneves.
Fonte: La Voz de Galicia

Comentarios

Entradas populares

LISTAS ELECCIONS LOCAIS CONCELLO DE BARALLA 24M 2015